No ano 1998 comecei a miña carreira profesional como profesora de materias de Filoloxía Inglesa nunha academia privada chamada Ecofil que xestionaba xunto co meu irmán. Impartín clases de lingua inglesa a todos os niveis, gramática e sintaxe inglesas, Old English, Middle English, fonética e tradución para o exame de oposición ao corpo de profesores de secundaria durante varios anos.
Comecei a traballar como tradutora por conta propia no ano 2000, para clientes directos e axencias de tradución. Desde o ano 2001 ao 2004, compaxinei o meu labor como tradutora cun traballo por horas de secretaria bilingüe redactando documentación en inglés e traducindo para o xefe do Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Durante ese tempo tiven ocasión de ver desde dentro o traballo de tradución relacionado coa medicina e así comezou a miña especialización como tradutora médica. Nesa etapa fun secretaria executiva na celebración de catro congresos, o que me permitiu coñecer o funcionamento interno da organización de eventos e o labor editorial das actas e a documentación relacionada.
Durante os primeiros oito anos da miña carreira como tradutora dediqueime principalmente á tradución de documentación para empresas, como contratos, escrituras, certificados de todo tipo, contas anuais, informes de auditoría e páxinas web. Cabe destacar os meus traballos de tradución de manuais de maquinaria de bosque e xardín, así como do ámbito industrial e automoción, e os referidos a enxeñería hidráulica.
Despois de 2008, tras estudar o mestrado de tradución biomédica, comecei a traballar case exclusivamente como tradutora médica con documentación para ensaios clínicos, artigos médicos e contratos entre CRO e centros. Ao mesmo tempo, xestiono proxectos de tradución noutras combinacións lingüísticas, especialmente de maquinaria forestal e enxeñaría hidráulica.
Desde 2001, son tradutora xurada habilitada polo Ministerio de Asuntos Exteriores na combinación de inglés e español.